Canto nos custan as ideas? Bases para o deseño orzamentario. Miguel Martín.

Por Quique Vázquez Martínez.

Azul, amarelo, verde, vermello… cores e máis cores van enchendo pouco a pouco a miña cabeza, con tendencia de por si ao colorido, a través das clases das tardes dos venres, que xa teñen gañada a súa aspa no meu calendario.

Dinámicas de grupo, ideas para saturar, diverxer, converxer, levántate e anda… (aquí viría un suspiriño),… Mais ao achegarse o tema económico a poesía torna en prosa, o abstracto ten nome e apelidos e o castelo que cada un de nós vai construíndo no seu maxín empeza a transformarse en ghalpón no momento en que lle poñemos prezo. A idea da transmisión de coñecemento a través do visual (imaxe, imaxe, imaxe) disípase, e a estructura a, b, c de toda a vida, polo menos da miña vida, volve a casa polo nadal pintada de gris.

Miguel Martín foi o condutor desta primeira clase de xestión económica. Na primeira parte achegámonos nas puntas dos pés ao orzamento: as súas funcións (planificación, comercial, xurídica), estrutura (ingresos e gastos), a súa presentación dependendo da súa clasificación (económica, funcional, orgánica), ás diferenzas entre o orzamento das administracións públicas e das empresas privadas; e antes de ir ao sagrado café e cigarro de media xornada, Miguel propuxo un exercicio de traballo en grupo, no que tivemos que contestar varias cuestións (nome do proxecto, tipoloxía, descrición, duración, unidade ou entidade propoñente, cliente ou destinatario e [aquí cabería outro suspiriño] orzamento total).

Non foi nada fácil achegarse, aínda a sabendas de que era un suposto, á cantidade de diñeiro (sempre tan concreto el) que íamos necesitar para levar adiante un proxecto aínda en cueiros. E así, grupo a grupo, dimos conta da nosa ficha. Desde os 5.000 euros de Lavacolla ata os 300.000 euros de Bonaval, empezamos a tomar contacto co poderoso cabaleiro.

2015 12 11 - sesión Miguel Martín - foto Quique

Na segunda parte, a contratación foi a estrela (laboral temporal ou indefinida, artística, contratación externa), a pizarra empezou a encherse de números acompañados de siglas (IRPF, SS, IVE…), o terreal e particular comezaron a gañarlle espazo ao ideal e conxunto e apareceron as preguntas na aula: Pódese facturar sen ter que pagar autónomos? Cantos días de indemnización por ano traballado corresponden nun contrato temporal? E de vacacións? E tivemos incluso un “aviso a navegantes” por se a alguén se lle daba por alugar un local e se despistaba da retención de IRPF.

A práctica retomou o protagonismo e puxémonos mans a obra para facer, outra vez en grupo, a distribución de gastos e ingresos do orzamento do exercicio anterior.

Os activos fixos e a distribución do seu gasto en varios proxectos ou períodos, así como a imputación dos custos de estrutura (divisibles ou indivisibles) achegaron o final da clase. E pola miña cabeza, a esas alturas, xa pasaban cousas do tipo “poderei descontar os medicamentos do meu pai imputando a parte proporcional no proxecto? O meu pai é estructural na miña vida”.

Mísero de min, volverei ás cores que tanto ben me fan, seguirei preguntando cada vez que me propoñen, ou propoño algo no meu traballo: de cantos cartos dispoñemos? E cando precise contratar a alguén, terei claro que o salario bruto non é o salario neto, que se multiplico por 1,33 o bruto achegareime ao gasto mensual total, e chamarei a unha xestoría.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*