Teatro Valle Occupato | Foto: Claudio Marrucci

Juan Freire, cultura colaborativa e innovación cidadá

Nesta segunda sesión do Curso recibimos a Juan Freire, experto en estratexias de innovación e actualmente un dos promotores de Teamlabs. O obxectivo desta aula era achegarnos ao concepto de innovación aplicado á xestión cultural, así como analizar o potencial da cultura colaborativa e a innovación cidadá.

Juan comezou expoñendo algúns exemplos da crecente distancia entre as institucións e a xente, o que se acaba traducindo en moitas ocasións nun pulso entre o legal e o lexítimo. Comentamos diversos exemplos tanto de economía colaborativa coma de espazos autoxestionados. Un exemplo significativo é o Teatro Valle Occupato, o máis antigo de Italia e que en 2011 unha ocupación cidadá salvou dun incerto futuro.

 

“Algúns destes pulsos gáñanse, outros non, pero estamos ante indicios de cambio”.

 

Entrando xa no termo innovación, destacou que actualmente conviven contornas onde todo é innovación con outras onde aínda existe un departamento ou persoal compartimentado. Tamén mostrou a súa preferencia pola denominación innovación cidadá, aínda que se atope máis estendida a de innovación social, xa que “estamos nun momento onde a cidadanía está a sentirse protagonista da innovación“.

Defendeuse a innovación cidadá como marco xeral onde xorden novas innovacións tecnolóxicas. A maior forza da primeira, máis posibilidades de que apareza a segunda e a menor custe. Paradóxicamente, o poder político e económico desconfía da innovación cidadá e concibe de xeito illado o desenvolvemento tecnolóxico, aínda que para iso teña que recorrer á inxección económica directa e continua para inflar esta innovación tecnolóxica artificialmente.

 

Design Thinking, Ideo

Lugares de confluencia onde xurde a innovación (gráfico de Ideo)

 

Este fío levounos a falar dos novos espazos públicos, onde a xente se está a reunir, non para consumir ou discutir simplemente, senón para facer cousas xuntos.

Juan expuxo tres exemplos de laboratorios cidadáns, neste caso en Madrid:

  • Dende o impulso colectivo e o asociacionismo falamos de Makespace, arredor da cultura maker (e que en Galicia ten o seu reflexo nas iniciativas reunidas en OSHWDem)
  • Curiosamente o Makespace Madrid xurdiu doutro espazo que está promovido por unha institución pública, o Medialab-Prado, un lugar que comezou orientado á arte dixital, evolucionou e agora é un centro de relacións entre comunidades de todo tipo.
  • Xa como iniciativa privada, menciónase a rede de espazos de coworking Impact Hub.

 

“Os contedores están por aí, eu podo escoller o contedor, non é el o que me limita”, referíndose ás relacións clásicas con espazos institucionais e ás posibilidades de novos espazos para a cultura.

 

A mención ao Rijksmuseum deunos pé a falar xa de datos abertos. Pechado durante anos por obras, os seus traballadores dedicáronse a dixitalizar a colección, “inicialmente como mera alternativa a estar de brazos cruzados”. Co tempo convertéronse na referencia mundial en técnicas de dixitalización de obras artísticas, pero o salto cualitativo estivo na decisión de abrir os seus datos, xa que a xente comezou a desenvolver numerosas aplicacións que os profesionais do museo nin imaxinaran.

 

Regresando ás novas culturas e ás multitudes intelixentes, a cultura hacker achegou uns valores e unhas regras de goberno que marcaron as bases para as seguintes, como a maker ou a do prototipado e para novas formas de participación cidadá:

  • O consenso aproximado, que permite facer algo “simplemente se estamos de acordo en facelo”.
  • A posibilidade de facer “fork
  • Os elementos da cultura dixital, como a meritocracia, o sustento na acción, o P2P ou a conciencia de rede

Un exemplo deste traspaso dende a cultura dixital ao proxecto físico, podemos atopalo no Campo de Cebada, un proxecto veciñal de reactivación dun solar baleiro, que no 2013 recibiu o prestixioso premio Golden Nica na categoría de “Comunidades Dixitais”. Na súa xustificación, o xurado sinalaba que era un modelo onde existía un uso intensivo do dixital, pero que sobre todo consideraban que era herdeiro da cultura dixital. Xa en 2014, o proxecto galego Montenoso recibiu tamén unha mención de honra nestes mesmos premios.

 

Captura da web Montenoso

Captura da web Montenoso

 

O último bloque da participación de Juan Freire estivo xa dirixido ás dinámicas de equipo, ferramentas e posibles fases á hora de afrontar un proxecto… pero os detalles quedan xa reservados para o alumnado do Curso  ;)

Sinalar simplemente que, en contraposición á clásica estratexia de construír “dende a intuición”, a recomendación principal á hora de emprender un proxecto foi comezar “dende a evidencia”, dende a detección de necesidades, problemas e oportunidades a través dun proceso de investigación previa sobre a realidade do contexto onde imos a intervir.

Precisamente, na vindeira sesión traballaremos con Ana Lorenzo, socia de Cidadanía, sobre a  identificación de necesidades e oportunidades, descubrindo tamén como achegarnos á realidade a través da análise de datos, de discursos e das técnicas de investigación-acción-participativa.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*